Tuesday 14 de May de 2024

Malpica culminará o seu ciclo de actividades polas Letras Galegas cunha lectura pública de poemas de Xela Arias


• O evento comezará ás 12:00 horas na Praza Anselmo Villar Amigo e clausurarase cunha actuación musical da Asociación Cultural Malante.

O Concello de Malpica, da man da concellaría de Cultura, pechará este 17 de maio o ciclo de actividades ‘Nun Mar de Letras’ cunha lectura pública de poemas de Xela Arias, a quen se lle dedica este ano a festividade.

O evento comezará ás 12:00 horas na Praza Anselmo Villar Amigo, nun acto aberto á participación de toda a veciñanza que se achegue e na compañía da Asociación Cultural Malante de Malpica. Ó remate da lectura, a agrupación dará un concerto como evento final dunha programación que levou música e cultura galega ós centros escolares e a distintas localizacións do municipio.

Lembramos que as actividades comezaron o pasado venres, 14 de maio, co ‘Exército das paxariñas’ de Soraya Lema e a presentación das obras gañadoras do Certame de Poesía Erótica ‘Illas Sisargas’.

Hoxe, domingo 16 de maio, estanse a celebrar a meirande parte dos eventos culturais da programación. Mamá Cabra e os seus ‘Arrolos’ están a cargo das máis pequenas e pequenos da casa para deixar paso ó ‘Vermú das letras’ do Grupo Meigallo da ACD Carcaxía. Atenea García, xa pola tarde, iniciará o seu Café con letras ‘De ti e mailo mundo que apañes’. Finalmente, Acordeireta pechará o domingo cun concerto.